Portada > Cultura > O XX Concurso de Música Tradicional de Xiradela congrega a medio cento de grupos de pandereteiras

O XX Concurso de Música Tradicional de Xiradela congrega a medio cento de grupos de pandereteiras

A Asociación Xuvenil Xiradela de Arteixo (A Coruña) celebra este domingo (14 de abril), en horario de mañá e tarde,  a vixésima edición do seu Concurso de Música Tradicional. O Auditorio do Centro Cívico de Arteixo acolle o acto. A entrada para presenciar o concurso é de balde. Desde o 2000 a cita mantívose activa ano tras ano consolidándose deste xeito no circuíto de concursos deste perfil. A contía dos premios en metálico, doados polo Concello de Arteixo, suman 1.900 euros en total.  Os gañadores das categorías A e B levarán 250€ e trofeo, mentres que os da C e D recibirán 300€ e trofeo, pero a lista de galardóns é máis longa.

A inscrición, aberta a escolas, agrupacións xuvenís, culturais, folclóricas, etc. sumou este ano ata 33 colectivos das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra. Boa parte deles preséntase a concurso en distintas categorías. Os grupos participantes poden ser femininos, masculinos ou mixtos, sendo obrigatorio o uso do traxe tradicional na actuación. En total serán 52 formacións. Hai unha única modalidade: grupos de pandereteiras, pero ata catro categorías que dividen aos participantes por idades deste xeito:

A.        Ata os 10 anos                   (13 grupos participantes)

B.        De 11-13 anos                  (14 grupos participantes)

C.        De 14-17 anos                  (14 grupos participantes)

D.       De 18 anos en diante        (11 grupos participantes)

Cada grupo terá un tempo límite de cinco minutos para interpretar a peza ou pezas coas que tomará parte no certame. Superar ese tempo, supón a descualificación.

Trátase dun concurso que naceu no ano 2000 coa intención de promover a participación das escolas de música tradicional para que os rapaces e rapazas puideran ter máis actuacións e que se relacionasen entre si, facilitando así o coñecemento da nosa cultura.

Máis de 1.000 persoas visitarán Arteixo entre público e artistas

A afluencia de público á cita adoita ser grande. Como en anos previos, espérase que, á marxe dos cantadores e cantadoras participantes, en Arteixo se dean cita ao redor de 1.000 persoas para gozar da actuación dos pandereteiros/as.

Achégase xente de toda Galicia, con predominio de público da Coruña e Pontevedra por ser as provincias que contan con maior participación de concursantes.

A entrada é gratuíta, pero o aforo limítase a 300 persoas sentadas. Presúmese que, como en anos previos, o Auditorio do Centro Cívico de Arteixo estea cheo ao longo do día, pero con rotación constante de público.

Quince premios, catro por categorías

Rematada a actuación de todos os grupos participantes será a quenda do xurado que determinará que grupos son os que resultan gañadores. En total repartiranse quince premios, catro por categoría. Valorarase cuestións como:

  • A autenticidade da peza, que terá que ser tradicional.
  • A súa dificultade.
  • A afinación e a interpretación.

Mentres deliberan os membros do xurado, grupos da escola de baile e música tradicional da A.X. Xiradela farán unha exhibición. 

O punto e final da xornada será a entrega de premios que serán os seguintes:

CATEGORÍAS A e B: 

1º premio: trofeo e 250 €

2º premio: trofeo e 200 €

3º premio: trofeo 

Premio ao mellor vestiario en cada categoría.

CATEGORÍA C e D:    

1º premio: trofeo e 300 €

2º premio: trofeo e 200 €

3º premio: trofeo 

Premio ao mellor vestiario en cada categoría.Q

A Asociación Xuvenil Xiradela, radicada no concello de Arteixo, nace no ano 1982 co obxectivo de recuperar o noso folclore e gozar do tempo de lecer, así como de colaborar con outras asociacións ou entidades que nos permiten, por un lado difundir o noso traballo, e por outro, axudan a promover a socialización dos rapaces con xente doutras asociacións.

Comezamos impartindo a actividade de baile tradicional, e despois ampliamos ás actividades de pandeireta e canto tradicional, gaita e percusión.

A partir do ano 1984 créase un grupo de investigación para a recollida de música, cantigas, literatura oral, costumes, bailes e traxes dos nosos devanceiros, a súa recuperación e divulgación, pretendendo ser o máis fieis posibles coa máis pura tradición galega.

Ademais do concurso de música, dende o ano 1987 e de xeito continuo vimos celebrando o Día da Muiñeira en Arteixo no mes de xuño. Trátase dunha exhibición na rúa de bailadores e bailadoras da peza máis emblemática do noso folclore.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *