Portada > Cultura > Marcos Calveiro, gañador do Premio de Narrativa Breve Repsol

Marcos Calveiro, gañador do Premio de Narrativa Breve Repsol

Foto: www.edu.xunta.es
Foto: www.edu.xunta.es

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, entregou, a tarde do 17 de novembro de 2015, o IX Premio de Narrativa Breve Repsol ao escritor e avogado Marcos Calveiro, pola súa obra “Fontán”, nun acto no que tamén participaron o vicepresidente da Fundación Repsol, Ignacio Egea; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, entre outros.

Román Rodríguez cualificou este galardón coma “un dos máis destacados da nosa creación literaria”, ao tempo que destacou que este tipo de iniciativas supoñen un importante impulso da narrativa feita en Galicia e representan “un forte compromiso con Galicia, a cultura e a lingua da nosa comunidade”.

O conselleiro tamén agradeceu a Marcos Calveiro a súa idea de –a través de “Fontán”- recuperar a figura do científico Domingo Fontán, un persoeiro brillante pero pouco coñecido que, con apenas medios humanos, elaborou o primeiro mapa científico da comunidade galega, A Carta Xeométrica de Galicia.

A Consellería -a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística- colabora coa Fundación Repsol na convocatoria deste certame, que xa vai pola súa novena edición, e no que tamén participan a Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritores en Lingua Galega.

A novela e o seu autor

A obra gañadora, “Fontán”, é unha novela biográfica de fondo histórico que ten como protagonista a Domingo Fontán (1788-1866), catedrático de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela que, entre 1817 e 1834. E nela relátanse con sinxeleza e bo estilo uns feitos da historia científica galega apenas coñecidos.

O seu autor, Marcos Calveiro, comezou a súa carreira literaria creando obras dedicadas á literatura infantil e xuvenil, escribindo principalmente en galego. Neste campo recibiu numerosos premios como o Ala Delta, o Barco de Vapor ou o Lazarillo. Tamén publicou obras no campo da poesía e o ensaio e en 2008 publicou a súa primeira novela dirixida ao público adulto, “Festina Lente”, recoñecida co Premio da Crítica de Narrativa Galega.

O Premio de Narrativa Breve Repsol está dotado con 12.000 € e a publicación da obra pola Editorial Galaxia.

Fonte: Consellería Cultura

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *