Portada > Actualidad > III Encontro de experiencias ArteixoInnovación: educaTIC

III Encontro de experiencias ArteixoInnovación: educaTIC

A Concellaría de Relacións coa Comunidade Educativa do Concello de Arteixo organiza o III Encontro de experiencias ArteixoInnovación: educaTIC que se levará a cabo os días 8, 9, 10 e 11 de maio nas instalacións do Centro Cívico Cultural de Arteixo.

Este encontro consiste nun relatorio de experiencias de educación coas TIC que se desenvolven nos centros de ensino do termo municipal de Arteixo nos niveis de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional para que todos eles poidan dar a coñecer o seu traballo no ámbito das TIC. Nestas xornadas, por un lado o profesorado presentará a súa forma de traballar pero por outro lado serviralle de formación tanto a través do traballo realizado por outros centros como polas exposicións de profesionais ben recoñecidos como son:

Anxo Carracedo Editor da revista Forensic Science International: Genetics é membro do consello editorial de numerosas revistas internacionais de xenética e medicina forense.

Luz Veloso Licenciada en Belas Artes na especialidade de pintura pola facultade de Salamanca, é Profesora de Educación plástica visual e audiovisual dende 1993 en Galicia, imparte clases actualmente no IES as Barxas de Moaña (Pontevedra) 

Rubén Molinero Coordinador TIC e de Formación no CEIP Balaídos dende 2014. Gañador de premios como: O Mobile Learnig 2015 da revista Educación 3.0, o Accésit á mellor experiencia de integración das TIC na aula da fundación Impuls en 2016.

Dentro deste encontro levaranse a cabo outras actividades complementarias:

Eu e as miñas circunstancias. Xornadas de formación e información dirixidas ao alumnado da ESO, Bacharelato e Formación Profesional dos centros educativos de Arteixo, levarase a cabo en horario lectivo e contará coa presencia de Pablo Carpintero que é Doutor en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela e posúe o Diploma de Estudos Avanzados en Historia da Música e que nos presentará a ponencia “A creatividade como motor na aprendizaxe musical”.

Concurso de ANPAS para potenciar a participación das familias no proceso educativo aportando ideas no uso das tecnoloxías. 

Exposición tecnolóxica: Mostra da evolución en diferentes campos da vida como ciencia, música comunicación, fogar… 

Talleres de electrónica e robótica para nenas e nenos de 6 a 16 anos (previa inscrición presencial ou por correo electrónico na Concellaría de Relacións coa Comunidade Educativa).

A clausura deste encontro baixo o lema ARTEIXO INNOVACIÓN E CIENCIA, será o día 11 de maio na explanada do campo das festas, acto que será presentado e dirixido por CRISTINA CASTAÑO E PABLO PORTABALES, onde se fará a entrega dos premios do 3º concurso de ANPAS e a actuación do alumnado da Orquestra e coro Infantil da Escola Municipal de Música de Arteixo.

A continuación no mesmo campo da festa continuarase coa actividade denominada PEQUECIENCIA a través da que se pretende acercar a ciencia á infancia dunha maneira lúdica e divertida a través de prácticas interactivas.

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *