Portada > Actualidad > Deputación, Xunta e Fegamp asinan o convenio para poñer en marcha os sete Grupos de Emerxencias Supramunicipais na provincia

Deputación, Xunta e Fegamp asinan o convenio para poñer en marcha os sete Grupos de Emerxencias Supramunicipais na provincia

ges-webO presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo; o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; e o presidente da Fegamp, José Manuel Rey, asinaron o 13 de maio, o convenio de colaboración para poñer en marcha os 7 Grupos de emerxencia supramunicipais (GES), na provincia da Coruña.

Estes 7 Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), veñen a completar a redefinición do mapa de emerxencias galego, cubrindo a totalidade do territorio nunha distribución máis racional de recursos. O custe total para os tres anos é de máis de 18 millóns de euros para toda a comunidade galega, nos que a Xunta asumirá o 60 % do gasto, as catro Deputacións un 20 %, e os concellos o 20 % restante.

O novo mapa de emerxencias disporá de sete sedes dos grupos, que estarán en Ortigueira, Ponteceso, Muros, Mugardos, Curtis, Padrón e Brión. A rede de seguridade galega complementarase coas Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e co resto de corpos que colaboran nas emerxencias, como Garda Civil, Policía Nacional, Policía Autonómica, servizos sanitarios, etc, todos eles coordinados dende o 112.

Cada un dos grupos estará composto por 12 efectivos cunha  estrutura «profesionalizada e permanente». Proximamente os concellos sede levarán a cabo a convocatoria de persoal que despois terán dúas semanas de formación nos Parques de Bombeiros para empezar a traballar ao inicio do verán. A formación será impartida por persoal da Academia Galega de Seguridade Pública.

Os GES intervirán en situacións de emerxencia derivadas do desencadeamento de riscos naturais, como poden ser as nevaradas, inundacións, seca ou episodios meteorolóxicos adversos; no mantemento da rede de estradas e vías de comunicación ou participando en operativos de protección civil que se planifiquen en casos de actividades nas que se rexistran aglomeracións significativas de persoas.

Ademais, tamén intervirán en incendios urbanos e forestais; un traballo conxunto que se viña desenvolvendo cos municipios nos últimos anos, e que agora se verá redobrado, posto que  tamén colaborarán en labores forestais preventivos. As actuacións en materia de prevención de incendios forestais serán cofinanciadas con fondos FEADER da Unión Europea.

Distribución consensuada e obxectiva

A distribución dos grupos, que foi consensuada entre Xunta, Deputacións provinciais e Fegamp, tivo en conta criterios obxectivos para dar a mellor resposta ante as emerxencias, entre os que se atopan a poboación atendida, a localización en zonas con riscos potenciais ou a existencia de medios e recursos municipais na actualidade que se poidan aproveitar. Ademais, evitouse duplicidades, de tal xeito que ningún grupo de emerxencias se instalará alí onde xa haxa un parque de bombeiros, tal e como se establece no Pacto Local.

O obxectivo da posta en funcionamento destes novos Grupos de Emerxencias Supramunicipais é crear unha auténtica malla que cubra todo o territorio e ofreza unha resposta áxil e eficaz aos cidadáns galegos ante calquera incidencia. Un modelo que non sería posible sen a colaboración entre as distintas administracións -neste caso rexional, provincial e local-, redundando na idea de que a suma de esforzos é útil e necesaria e que entre todos somos máis eficientes.

Áreas de actuación

O GES de Ortegal-Ferrol, con sede en Ortigueira, atenderá aos concellos de Cariño, Cerdido, Cedeira, Mañón, Ortigueira, As Somozas e Moeche.

O GES de Ferrol-Eume, ubicado en Mugardos, actuará en Mugardos, Ares, Cabanas, Fene, Neda e Valdoviño.

O GES de Bergantiños, en Ponteceso, cubrirá as emerxencias de Cabana de Bergantiños, Laxe, Malpica, Ponteceso e Coristanco.

O GES de Muros-Xallas, con sede en Muros, dará cobertura aos concellos de Outes, Carnota, Mazaricos e Muros.

A zona Betanzos-Terra de Melide-Ordes estará atendida polo GES que terá sede en Curtis, e atenderá aos concellos de Curtis, Sobrado, Vilasantar, Mesía, Cesuras, Oza dos Ríos e Aranga.

A área do Sar-Caldas, que terá un GES con sede en Padrón, actuará en Padrón, Rois, Dodro, Pontecesures e Valga.

Finalmente, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Santiago-Noia-A Barcala terá a súa sede en Brión e dará servizo aos veciños de Brión, Ames, Negreira, Lousame e Noia.

Dado o carácter supramunicipal destes novos grupos, tamén é preciso salientar que os concellos de Vedra e Teo, ambos na provincia da Coruña, estarán atendidos por un GES que terá as súas sedes en A Estrada e en Lalín.

Fuente: Deputación A Coruña

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *