Portada > Actualidad > Aberto o prazo para solicitar as axudas de material escolar e o acceso ao fondo solidario da Xunta

Aberto o prazo para solicitar as axudas de material escolar e o acceso ao fondo solidario da Xunta

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional abre o prazo para que as familias soliciten a súa participación no Fondo Solidario de Libros de Texto, ou ben as axudas para a adquisición de libros de texto, e de vales para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e Educación Especial en centros sostidos con fondos públicos, para o vindeiro curso escolar 2019/20.

O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto dende mañá ata o próximo día 21 de xuño, tal como establece a convocatoria que pode consultarse no Diario Oficial de Galicia do 20 de Maio de 2019.

O importe total habilitado pola Consellería para o financiamento das axudas e do fondo solidario ascende a 12,1 millóns de euros a razón de 5,4 millóns para os vales de material escolar, 4,6 millóns para as axudas de libros de texto, e 2,1 millóns para a adquisición -por parte dos centros educativos- de libros de texto complementarios aos existentes no Fondo Solidario, co fin de garantir a súa dispoñibilidade ao alumnado con nivel de renda que lle dea dereito ao citado fondo.

As solicitudes poderán presentarse ben por vía electrónica empregando a aplicación informática “fondolibros” ((https://www.edu.xunta.es/fondolibros) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben presencialmente nos propios centros docentes, así como en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo.

O sistema solidario habilitado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que posibilita garantir unha educación accesible para o conxunto do alumnado susténtase en tres eixos que son o Fondo Solidario de libros de texto, as axudas á adquisición de libros de texto (para aquelas ensinanzas e cursos nos que os materiais non son reutilizables) e as axudas para a adquisición de material escolar.

As axudas da consellería para a compra de libros están dirixidas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de Educación Primaria, e ao alumnado matriculado en Educación Especial.

Os requisitos de renda e as contías das axudas son as seguintes:

Educación Primaria:

  • Renda per cápita familiar igual ou inferior a 5.400,00 euros: 170 euros
  • Renda per cápita familiar superior a 5.400,00 e igual ou inferior a 9.000: 90 euros

Así mesmo, mantense que o alumnado matriculado en educación especial, en centros específicos ou en unidades de educación especial en centros ordinarios, así como o que presente unha discapacidade igual ou superior ao 65%, que solicite a axuda e que cumpra os requisitos recibirá un importe de 250 euros, con independencia da renda per cápita familiar.

Ademais, o alumnado de 1º e 2 de Primaria que se encontre en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia recibirá a axuda máxima (170 euros), e non terá que acreditar os datos da unidade familiar nin o nivel de renda.

No caso do Fondo solidario de libros pode participar o alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, e en 1º, 2º, 3º e 4º de ESO. A asignación de libros de texto farase, ao igual que nos tres anos anteriores, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar. En calquera caso, terá preferencia o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, con independencia da súa renda familiar.

De darse o caso de non alcanzar os libros dispoñibles no fondo solidario para dar unha cobertura igual á que se presta en función da renda nos cursos cubertos pola convocatoria de axudas, o centro adquirirá os libros complementarios que sexan necesarios. O obxectivo é garantir que o alumnado con renda per cápita igual ou inferior a 5.400 euros e o que estea en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% (nestes dous últimos casos con independencia da renda) teña garantido o acceso a 6 libros, e que o que teña renda per cápita de entre 5.400,01 euros e 9.000 acceda a 4 manuais.

Cómpre lembrar que será requisito fundamental para acceder ao fondo solidario ou recibir as axudas para libros ou material escolar ter devolto os libros dos cursos anteriores.A

O destinatario das axudas para material escolar é todo o alumnado matriculado en educación primaria e en ESO cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 5.400 euros, e a contía da axuda será de 50 euros.

O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de educación especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% será beneficiario desta axuda con independencia da renda.

No curso actual curso 2018/2019 concedéronse un total de 27.690 axudas á adquisición de libros de texto e 97.406 axudas para a adquisición de material escolar. Ademais, o fondo solidario de libros de texto distribuíu un total de 631.652 manuais entre 108.354 alumnos (sete de cada dez recibiron seis ou máis libros de balde).

En definitiva, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional chegou este ano co programa de Gratuidade Solidaria para libros de texto a case 136.044 alumnos, ben a través do fondo (108.354), ben das axudas (27.690).

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *