Portada > Actualidad > A Xunta informa aos concellos das axudas para a promoción da igualdade

A Xunta informa aos concellos das axudas para a promoción da igualdade

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella  participou na mañá do 15 de febreiro de 2019, nun encontro de traballo con alcaldes, alcaldesas, concelleiros, concelleiras e persoal técnico dos concellos para dar a coñecer a nova convocatoria do Goberno galego de axudas e subvencións aos concellos para a promoción da igualdade que publicou, o 8 de febreiro, o Diario Oficial de Galicia. A Xunta destinará a este programa un importe de máis de 5,3 millóns de euros, o que supón o incremento dun 16% respecto ao ano 2018. O prazo de presentación de solicitudes rematará o vindeiro 8 de marzo.

Estas ordes de axudas teñen como obxectivo apoiar e consolidar as actuacións que se están levando a cabo desde as administracións locais en materia de prevención e eliminación da violencia de xénero, de conciliación, facer efectivo o principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

O orzamento destas axudas está cofinanciado nun 80% polo Fondo Social Europeo, agás os apoios referidos ao programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra a mulleres, que constitúe a novidade da convocatoria deste ano e que proveñen do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Están dirixidas a concellos, consorcios, mancomunidades ou agrupacións ou asociacións de concellos.

Ao abeiro da convocatoria anterior destas subvencións 13  concellos da comarca da Coruña recibiron un total de 221.000 euros e en toda a provincia da Coruña se investiron na 1,2 millóns de euros.

A resolución que se vén de publicar no DOG engloba catro programas: os tres mesmos programas de colaboración coas entidades locais que se contemplaban anos anteriores e un máis a maiores:

  • Programa de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar.
  • Programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.
  • Programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM).
  • Programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres.

O Consello da Xunta autorizou a concesión de anticipos de ata o 75 por cento das subvencións concedidas nalgún destes catro programas.

A primeira da liña de axudas é o programa de fomento da conciliación, que permitirá aos beneficiarios tomar medidas para fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes a través da conciliación dos seus tempos persoais, laborais e familiares. Esta liña tamén financiará os bancos de tempo coa finalidade de facilitarlles ás persoas empadroadas no correspondente concello esta conciliación a través dun sistema articulado de intercambio destinado a subministrar servizos e/ou coñecementos, entre mulleres e homes, cuxa medida é a hora de tempo. Conta cun orzamento de 797.065 euros. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 12.000 euros no caso de solicitude individual, e ata 22.000 euros se é unha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de varios concellos. Ao abeiro destas axudas na comarca da Coruña recibiron axudas, o ano pasado, Aranga, Bergondo e Vilasantar cun orzamento de 19.900 euros.

A segunda liña de axudas está destinada ao programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, grazas á cal as entidades locais poderán subvencionar accións de intervención orientadas a mellorar a situación das mulleres vítimas de violencia de xénero, das súas fillas e fillos, así como das persoas delas dependentes e actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual, en xeral, e a prostitución en particular. O orzamento desta liña de axudas é de 352.000 euros, e a contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 10.000 euros no caso dunha solicitude individual, e de 20.000 euros se é unha solicitude conxunta de varios concellos. Na comarca coruñesa, en 2018, os concellos de Cambre, Coirós e Curtis (agrupado con Vilasantar a Sobrado) recibiron en total 23.200 neste concepto.

A terceira das liñas ten como obxectivo apoiar a rede de centros de información ás mulleres (CIM) existentes en Galicia, integrada por 82 centros dos que 29 pertencen á provincia da Coruña e 5 á comarca, concretamente en A Coruña, Arteixo, Culleredo, Coirós e Curtis. O ano pasado estes 5 centros recibiron unha axuda total de 178.000 euros. Como novidade este ano abriuse unha novo programa, financiado polo Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para levar a cabo medidas de sensibilización, información e difusión sobre a promoción da igualdade e a prevención e rexeitamento da violencia contra as mulleres. A contía máxima desta liña é de 8.000 euros cando se trata dunha petición individual e de 10.000 no caso de que se trate dunha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de varios concellos.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *