Portada > Actualidad > A Deputación licita o Plan de Conservación de Vías Provinciais

A Deputación licita o Plan de Conservación de Vías Provinciais

A Deputación da Coruña vén de abrir o proceso de licitación pública do Plan de Conservación de Vías Provinciais para o ano 2019, dotado cun orzamento de 7.899.525 euros.

A licitación realízase de forma integramente electrónica, a través da Plataforma de Contratación do Estado (www.contrataciondelestado.es), tal como establece a nova Lei de Contratos de Sector Público. Nesta plataforma publícanse os pregos, anuncios de licitación, consultas a provedores e desenvólvense todos os trámites ata a adxudicación definitiva do contrato.

O deputado responsable da área de Vías e Obras da institución provincial, José Manuel Pequeño, explicou que este programa contempla a execución de traballos de mantemento, mellora do firme e reparación de baches nos máis de 2.000 quilómetros de estradas cos que conta a rede viaria da Deputación. Todas estas actuacións están destinadas a “mellorar as condicións de circulación, aumentar a seguridade viaria nas estradas coruñesas e reducir a sinistralidade”, afirmou.

Pequeño lembrou que ademais do Plan de Conservación, o servizo de Vías e Obras da Deputación ten en marcha un programa destinado exclusivamente á roza e limpeza das marxes das estradas provinciais. Estas tarefas son obxecto dun contrato independente do Plan de Conservación, co obxectivo de mellorar e axilizar este servizo no que se inclúe a limpeza das marxes de todas as estradas, para facilitar a visibilidade e a circulación, evitar a propagación de incendios e incrementar a drenaxe de augas pluviais.

O Plan de Conservación de Vías Provinciais suporá un investimento de preto de 4.000 euros por quilómetro, destinados integramente á reparación e mantemento das estradas dos concellos coruñeses, divididos en 36 grupos.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *