Portada > Deportes > A Copa Galicia Feminina de fútbol sala desembarca en Riazor

A Copa Galicia Feminina de fútbol sala desembarca en Riazor

O mellor fútbol sala feminino de Galicia aterra na Coruña. O Palacio dos Deportes de Riazor vestirá as súas mellores galas durante os días 20 e 21 de abril para albergar a XIII edición da Copa Galicia Feminina de fútbol sala, un evento único que organiza a Real Federación Galega de Fútbol coa colaboración do clube anfitrión, o Viaxes Amarelle FSF. 

Nesta nova edición do torneo tomarán parte catro equipos, que se xogarán o pase á gran final do domingo 21 de abril nas semifinais que terán lugar durante a xornada do sábado sobre o parqué do coliseo herculino. 

Así, a primeira batalla por unha praza na finalísima comezará ás 18.30 horas e enfrontará ao Ourense Envialia co Cidade de As Burgas nun derbi que promete fortes emocións. A outra semifinal arrincará ao fío das 20.30 horas e nela veranse as caras o Burela Pescados Rubén e o Viaxes Amarelle FSF.

A final desta XIII edición da Copa Galicia Feminina de fútbol sala disputarase o domingo a partir das 12.30 do mediodía.

A canteira do fútbol sala feminino galego tamén terá un papel protagonista na Coruña, debido a que paralelamente á disputa da Copa Galicia sénior celebrarase a II Minicopa para a categoría infantil. Nesta cita tomarán parte as canteiras dos catro clubs participantes na competición sénior.

A primeira semifinal, prevista para as 16 horas, enfrontará ao Ourense Envialia co Cidade de As Burgas, mentres que o segundo enfrontamento disputarase a partir das 17 horas e medirá ao Burela Pescados Rubén co Viaxes Amarelle FSF. O campión decidirase na gran final do domingo, que arrincará ás 10.30 horas da mañá.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *