Portada > Cultura > Paseo xeolóxico polas Furnas de Suevos

Paseo xeolóxico polas Furnas de Suevos

A parroquia arteixá de Suevos será a gran protagonista do paseo xeolóxico do próximo sábado 2 de xuño. De orixe xermánica, Suevos tamén se perde na profundidade dos tempos xeolóxicos; posto que os seus materiais pertencen ao Complexo alóctono de Ordes, que xurdiu como consecuencia do proceso oroxénico do noso relevo hai máis de 290 millóns de anos

En pouco máis de 3 Km percorreranse os materiais máis antigos e representativos do dito complexo alóctono, co obxectivo de interpretar a historia da bisbarra que remonta aos primordios da época Paleozoica. Xistos e cuarcitas do Silúrico conforman o basamento metamórfico de Suevos, o cal se encontra amplamente tectonizado e modelado en forma de pequeno golfo debido á poderosa enerxía desenvolvida polas ondas mariñas nesa latitude.

Ademais de rochas metamórficas, entre punta e punta pódense observar diferentes granitoides (granodiorita e leucogranito) dispostos en bandas lonxitudinais intruidas entre o substrato paleozoico e parcialmente deformadas.

As furnas, as praias, os depósitos de coios, os regatos, os cantís e outras formas do relevo completarán a interpretación da paisaxe complementada coas oportunas doses de historia xeolóxica do Cuaternario. Só así poderemos ser quen de analizar a máis imperfecta das creacións da natureza, aquela na que formas, texturas, cores e volumes labran nos corpos pétreos un valioso retrato natural difícil de imitar.

Para participar neste Paseo Xeolóxico, inserido no concepto de Turismo Científico, cómpre facer a inscrición no teléfono 981 659 177 ou presencialmente na Oficina de Información de Arteixo. O prazo de inscripción xa está aberto.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *