Portada > Cultura > “Ogallá veñan máis espectáculos que desmonten as relacións de poder e celebren a diversidade”

“Ogallá veñan máis espectáculos que desmonten as relacións de poder e celebren a diversidade”

A historia de Elisa e Marcela viviu durante moitos anos agochada nun caixón. Agora, a súa vida está cada vez máis presente. Responsable disto son moitas organizacións e tamén persoas do mundo das artes. A Panadaría, compañía de teatro formada íntegramente por mulleres, decidiu levar a súa loita aos escenarios. Como explica Areta Bolado, era importante contar esta historia pois di, “estamos afeitas a pensar en Galicia como unha terra atrasada e iso non é así, o primeiro matrimonio entre dúas mulleres de todo o Estado Español foi o de Elisa e Marcela, na Coruña no 1901. Temos que gabarnos unha e outra vez de Elisa e Marcela, dúas iconas lésbicas”.

Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, baixo a dirección de Gena Baamonde, amasan neste espectáculo unha historia clave para a loita pola diversidade sexual.

Facedes unha obra de comedia para unha historia bastante dura, como foi a adaptación?

Para nós era importante contar a historia dende a celebración da súa valentía porque Elisa e Marcela fixeron real o que parecía imposible. Sufriron moito porque foron perseguidas, acosadas e encarceradas pero tamén soñaron con poder ter unha vida como a das parellas heterosexuais e cremos que, ao final, si que o conseguiron. Alén diso, confiamos no poder transgresor que ten o humor. Con el podemos chegar a moito público e, ao tempo, ser acedas e críticas.

Tivechedes moi boa acollida de crítica e público, qué reaccións atopades no público?

A acollida rompeu calquera expectativa posible. Boas críticas e moitos premios pero o do público está a ser insuperable. As funcións rematan con moitos aplausos e con xente emocionada, mesmo persoas que se achegan a nós e nos dan as grazas porque se sinten representadas. Lembramos o caso dunha moza que viu saudarnos con bágoas nos ollos e nos dixo “isto que cantades na canción final é a historia da miña vida”. Isto emociona, dá folgos e énchenos de orgullo.

Hai semellanzas na actualidade co que viviron Elisa e Marcela?

Hai poucos días soubemos da noticia dun home nunha vila de Valencia que viu a unha parella de lesbianas bicándose e, como elas rexeitaron que el se unira, comezou a tirarlles do pelo, cuspirlles e bater nelas. É certo que agora dúas mulleres poden casar pero queda moito por camiñar para que o colectivo LGBT deixe de sufrir discriminación e acoso.

Recibichedes o premio Marcela e Elisa de parte da asociación ALAS, que supuxo para vós?

Todos os premios recibidos foron moi importantes e o premio de ALAS, o máis recente, recibímolo con inmensa emoción. Son unha asociación que traballa día a día facendo un labor na Coruña e a súa contorna que nosoutras respectamos e admiramos. Cando comezamos a ensaiar Elisa e Marcela contactamos con todas as asociacións feministas e LGBT galegas e foron convidadas a un ensaio antes da estrea porque para nós era importantísimo escoitar a súa opinión. Ter recibido o Premio Marcela e Elisa das súas mans foi toda unha honra e unha confirmación de que fixemos as cousas ben.

Como credes que se conseguiría unha sociedade que acepte totalmente a diversidade sexual?

Para comezar, celebrándoa e visibilizándoa. Ningunha persoa vai sentir que está nun lugar seguro para “saír do armario” se o tema é tabú ou mesmo se demoniza. Preciamos máis referentes nas aulas, nas artes e nas rúas e, por suposto, precisamos dos feminismos para que toda a sociedade desaprenda e volvamos construír un mundo para todas as persoas. Non ten sentido ningún vivir nun mundo que odia a persoas só por ser como son, queremos un mundo no que aprender da xente diferente.

Sodes unha compañía de mulleres pero hai igualdade no mundo do teatro?

Nin no teatro nin en moitos outros oficios existe a igualdade. Estamos ante un problema estrutural da nosa sociedade. As cifras demostran que as mulleres que traballan no teatro teñen contratos máis curtos e en peores condicións e isto nos instala nunha feminización da pobreza. En A Panadaría formamos equipos íntegros de mulleres porque cremos que este compromiso pode crear máis postos de traballo e axudar a visibilizar esta situación de desigualdade. Non faltan directoras, dramaturgas ou iluminadoras, falta que se lles permita ser coñecidas e traballar no seu oficio.

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *