martes, julio 17, 2018
Portada > Actualidad > Comeza a campaña de alto risco de incendios forestais

Comeza a campaña de alto risco de incendios forestais

Hoxe ,1 de xullo, comeza en Galicia a campaña de alto risco de incendios forestais que por primeira vez, logo da vaga de lumes que asolou Galicia o pasado verán, estenderase ata o 31 de outubro.

Isto conleva a suspensión sistemática dos permisos de queimas agrícolas e forestais no monte. Esta prohibición poderíase levantar no mes de outubro se as condicións meteorolóxicas o permitisen.

Segundo explican dende a Consellería de Medio Rural, a decisión de estender a temporada de alto risco decidiuse despois de que nos últimos anos as condicións meteorolóxicas en outono fosen favorables para a propagación de lumes. O operativo está xa dispoñible e se incrementará de 3 a 4 meses  a prestación do servizo dos fixos-descontinuos da Xunta e as brigadas de Seaga e Tragsa.

Ademais, a partir de hoxe refórzase o dispositivo establecido no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, Pladiga. O dispositivo de verán estará integrado por uns 7.000 efectivos, con 5.700 profesionais da Xunta, que estarán apoiados por persoal do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do Exército e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e outras entidades locais. Ademais, cóntase cunha trintena de medios aéreos –entre os propios da Xunta e os que aporta o Estado– e 360 motobombas da Administración autonómica, dos concellos e dos parques de bombeiros, aos que se engaden cisternas, pas e outros vehículos.

A Consellería do Medio Rural pide o máximo compromiso contra os incendios forestais na loita contra a actividade delituosa incendiaria, denunciando estas accións cando teña coñecemento delas, e lembra que está a disposición da cidadanía o teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar un incendio forestal. Así mesmo, incidimos en que as persoas que se acheguen ao monte nestas datas extremen as precaucións e eviten calquera práctica que implique risco de lume.

 

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *